Tuesday 30 de April de 2024

Nava Castro asiste á presentación do primeiro prototipo de turismo enolóxico da Organización Mundial de Turismo


Participan as cinco bodegas do Foro de Marcas Renombradas e a metodoloxía poderá ser replicada nos destinos que o desexen

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asistiu á presentación do primeiro prototipo de turismo enolóxico da Organización Mundial do Turismo (OMT), no marco da reunión do Consello Executivo desta entidade.

Na xuntanza amosáronse os primeiros resultados do prototipo de bodegas que se está a realizar, no cal participan as cinco bodegas do Foro de Marcas Renombradas: Barbadillo, Pagos del Rey, Freixenet, González Byass e Osborne. Tamén se explicou a metodoloxía empregada, que poderá ser replicada nos destinos que o desexen.

Este encontro é de especial interese xa que dará a coñecer a evolución da iniciativa antes da presentación dos resultados finais, que será no mes de setembro durante a I Conferencia de Turismo Enolóxico da OMT que se celebrará en Georgia.

O prototipo, que se dará a coñecer como “The Joyful Journey”, avoga por converter cada bodega nun centro de interpretación turística da zona, achegando ao visitante á realidade dunha rexión a través do sector. Desta maneira, potenciarase o turismo enolóxico, aproveitando os enormes recursos que ofrece España, en xeral, e Galicia, en particular.

Rutas dos Viños en Galicia
A dinamización das adegas e viticultores galegos é unha liña estratéxica do Plan Integral de Turismo da nosa Comunidade. Neste sentido, o Goberno galego xa ten en marcha diversas iniciativas para fomentar o turismo enolóxico e o achegamento do visitante ás adegas galegas.

Neste marco, a directora de Turismo de Galicia presentou o luns a quinta edición das Xornadas de Portas Abertas das Rutas do Viño de Galicia, nas que o visitante poderá acceder de xeito gratuíto e guiado ás máis de 100 adegas participantes das cinco denominacións de orixe de Galicia e realizar un completo programa de enoturismo, que inclúe catas e degustacións. Trátase dun evento integrador excepcional ao ser Galicia a única comunidade autónoma española que ofrece unha promoción conxunta dos seus territorios vinícolas.

A actividade desenvolverase os días 21 e 22 deste mes nas rutas das denominacións de orixe das Rías Baixas e do Ribeiro e fin de semana seguinte, días 28 e 29, nos itinerarios de Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras.

Este tipo de oferta contribúe a chegar a novos públicos e á desestacionalización do turismo en Galicia, que é a primeira Comunidade en canto a certificacións de calidade no sector do turismo industrial, por riba de territorios cunha gran tradición vitivinícola como son A Rioxa ou Castela e León.